A Biblioteca Rego da Balsa de Carballo acollerá o día 23 de novembro o III Encontro Galego de Postcrossing, enmarcado no proxecto “Palabras da man ao corazón”. Estas xuntanzas constitúen unha oportunidade de conectar con persoas interesadas na comunicación escrita en versión analóxica (postais) e de desvirtualizar a outras coas que interactuamos nas redes sociais.
Antes, no primeiro andar da Biblioteca, instalarase unha exposición coas postais da colección persoal de Diana Pastoriza, xefa de estudos da sección de Ribeira da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que leva rexistrada en postcrossing.com desde 2014 e que recibiu, chegadas de todo o mundo, unhas 400 postais doutros usuarios desa web.
Podedes ver, perfectamente organizadas, postais turísticas, ilustracións, postais relacionadas coa arte ou coa gastronomía; postais e selos de faros, e chain cards -as postais que se envían sen texto. A expo complétase con selos individuais o organizados por un un fío condutor -teatro, diversidade funcional, música e cantautores, literatura etc.- e cun estante, situado na planta baixa, coa pequena biblioteca de Pastoriza de libros relacionados coas cartas.
Ademais de postcrossing.com, nas redes sociais, principalmente en Instagram, hai moitos perfís de postaleiros/as de todas as partes do mundo que buscan facer intercambios directos ou aumentar a súa colección particular de postais. Foi como Diana conseguiu as postais de faros de todo o mundo: chegáronlle de Rusia, Azores, Hong Kong, EEUU ou Brasil, entre outros lugares.