Il Divo completa a oferta musical desta intensa fin de semana na Coruña 

1 minutes read

Esta fin de semana será unha das máis intensas do verán en canto a grandes citas musicais na Coruña. Ao Morriña Festival, que devolverá a música ao estadio de Riazor, sumarase o venres 15 o concerto de Il Divo no Coliseum. Trátase dun recital especialmente emotivo, xa que forma parte da xira mundial en homenaxe ao barítono Carlos Marín, integrante deste grupo internacional falecido prematuramente en decembro de 2021 a causa da Covid. 

A banda, fundada polo produtor Simon Cowel, está integrada polo estadounidense David Miller, o francés Sebastien Isambard e o sueco Urs Brhler. A eles sumarase como convidado especial Steven Labrie, para realizar unha sentida homenaxe ao seu compañeiro neste cuarteto de “crossover” clásico, que acadou enorme fama internacional conxugando a lírica e a música culta co pop e outros xéneros musicais. Ata o momento pubicaron nove discos de estudio, que se converteron en grandes éxitos coa venda de preto de 40 millóns de copias en todo o mundo. Teñen abordado numerosos xéneros como a música latina, musicais, boleros, folclore ou a música sacra, pasando de ‘Unchained Melody’ ao ‘Ave María’ de Schubert, o tema mítico ‘Memory’, do musical ‘Cats’ ou ‘Don’t Cry for Me Argentina’.