O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou xunto co alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, no acendido da Casa do Concello no marco da iniciativa #AcendeOXacobeo. O municipio uniuse a esta iniciativa e forma parte das 46 localidades galegas que contan con algún dos 54 monumentos iluminados cos logos do Xacobeo e a frecha amarela nas distintas rutas xacobeas para recibir ao segundo ano do Xacobeo, neste caso no Camiño Portugués.
A iniciativa estendeuse a 42 edificios emblemáticos doutras 23 localidades das comunidades de Cantabria, A Rioxa, Castela e León e Navarra, polas que pasa o Camiño de Santiago, así como outros 6 monumentos en 6 cidades doutros 5 países, isto é, Dublín, Reino Unido, Helsinki e Oporto, xunto con Muntinlupa e Batangas en Filipinas. En total, máis dun cento de monumentos iluminados de 75 localidades en 6 países distintos para lembrar que o Xacobeo continúa neste 2022.
O acendido manterase ata este domingo, 9 de xaneiro, pero continuará nas fins de semana durante todo o ano en 12 edificios das cidades galegas, os mesmos que o ano pasado e aos que se une o da Cidade da Xustiza de Vigo.
A proposta #AcendeOXacobeo inclúe a segunda edición do seu concurso de fotografía no que os participantes terán de prazo tamén ata o domingo 9 de xaneiro para publicar nas súas redes sociais os seus selfies con algúns dos monumentos iluminados detrás. Deberán incluír os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeelXacobeo e etiquetar ao Camiño de Santiago nos seus perfís en Facebook (@CaminoXacobeo) e Twitter ou Instagram (@camino_xacobeo). As tres mellores fotografías recibirán como premio estadías para dúas persoas dunha fin de semana nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.