Este outono vaise falar de pintura, de debuxo e de ilustración coa axuda de tres artistas que escriben e ilustran 3 historias que transcorren en Costa da Morte.
O mundo da ilustración a través dun libro e 2 álbums ilustrados:
Olaia Sendón, «A crebeira Marabillas»
Helena Gamos, «O vixía dos mil faros»
Laura Suárez, «Monte Pindo. Historias e lendas do olimpo Celta»
As autoras destes libros chegan ao mundo da ilustración de formas distintas, todas proceden do mundo creativo pero con profesións moi distintas. Laura estuda belas artes, especialízase en Ilustración e cómic. Helena estuda filosofía, pero pasouse ao mundo da escultura que,do mesmo xeito que a poesía e contar contos, son a súa paixón. Olaia estudou comunicación audiovisual, é documentalista e chegou ao mundo da ilustración do mesmo xeito que Helena pola necesidade de dar vida a todos eses personaxes relevantes cos que creceu e cos que quere que crezan xeracións futuras.
Tres formas distintas de expresarse, que servirán para falar do mundo da ilustración e as súas utilidades.
A través dos seus procesos de traballo mostrarannos os tipos de ilustracións que elixen: conceptuais ou literais e que método escollen para dar forma aos seus personaxes, o modo tradicional ou dixital.
Técnicas, materiais, block de notas, bosquexos etc… todo isto estará presente na nosa sala para ti, a través de Moodboard, para que poidas visualizar todo o proceso.
Apoiaranse nestas tres historias para explicar a diferenza entre un libro ilustrado e un álbum ilustrado.