O PNV propuxo a Imanol Pradales como candidato a lehendakari nas próximas eleccións autonómicas do País Vasco que se celebrarán o ano que vén, en lugar de Iñigo Urkullu, que non poderá optar a un cuarto mandato. Nun comunicado difundido tras a reunión extraordinaria da dirección do partido celebrada este sábado, o PNV «agradece e recoñece» o traballo levado a cabo por Iñigo Urkullu nas tres lexislaturas pasadas á fronte do Goberno Vasco.
Imanol Pradales Gil, de 47 anos, afiliado na organización de Santurtzi (Bizkaia), é doutor en Socioloxía e Ciencias Políticas pola Universidade de Deusto, fala varios idiomas e cursou diversos masters. Entre xullo de 2011 e xuño de 2015 foi Deputado de Promoción Económica na Deputación Foral de Bizkaia e desde xullo de 2015 ata a actualidade foi o Deputado de Infraestruturas e Desenvolvemento Territorial no mesmo organismo.
Segundo sinalou o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, o Euskadi Buru Batzar (EBB) -comité executivo do partido- considera que «mirando a medio e longo prazo» este «é o momento adecuado» para dar paso a «unha nova xeración capaz de pilotar as institucións vascas e impulsar o noso autogoberno na próxima década», unha tarefa para a que consideran adecuado a Pradales.