Galicia convértese nunha das primeiras comunidades autónomas en implantar un proxecto pioneiro que aplica a tecnoloxía máis innovadora para mellorar e optimizar a recollida e selección de residuos dos contedores amarelo -envases de plástico, latas e briks- e azuis -papel e cartón-.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de presentación desta iniciativa piloto no Concello de Ribeira, a plataforma de reciclaxe intelixente Smart Waste permitirá recoller datos en tempo real sobre o volume e tipoloxía de residuos grazas á incorporación de sensores nos camións, de sistemas GPS e da tecnoloxía máis punteira nas plantas de selección.
Toda a información recollida facilitará optimizar procesos como a adecuación da frecuencia de recollida, as rutas que ten que realizar cada camión ou os lugares nos que fan falta máis ou menos contedores. Ademais, poder dispoñer deses datos dun xeito máis áxil e nun formato único permitirá coñecer tanto as tendencias de consumo como o depósito de refugallos por barrios, parroquias, etc., o que tamén axudará a decidir a adopción de medidas en función da información recollida.
Así, Ángeles Vázquez incidiu en que se trata dunha ferramenta de optimización do servizo de recollida, selección e reciclado dos residuos que adianta o futuro das Cidades Intelixentes situando Galicia como unha das comunidades máis vangardistas na aposta pola aplicación dos principios da economía circular. Deste xeito, a implantación de Smart Waste reflicte o claro compromiso da Xunta por seguir construíndo un modelo de sociedade máis responsable e sustentable co medio ambiente.