Implicación estudantil na Coruña con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental


Trátase dunha ambiciosa oferta do Concello relacionada coa concienciación ambiental no municipio. Destínase tanto a escolares como a persoas adultas e desenvólvese nas aulas, nos centros cívicos, bibliotecas, asociacións veciñais, eco hortas, espazos abertos da cidade e mesmo en espazos naturais dentro e fóra do municipio.

Un total de 34 centros educativos da cidade e máis de 5.000 alumnos participarán neste programa durante a súa xornada lectiva. No caso dos colectivos, adaptarase a proposta as necesidades singulares de cada un. Traballarase en oito áreas diferenciadas por temática: calidade ambiental (‘O aire que nos rodea’), ciclo da auga (‘A ruta da auga na Coruña’), economía circular, residuos e consumo (‘Os residuos urbanos na Coruña’), espazos verdes e biodiversidade (‘Vexo, vexo’), enerxía (a enerxía que move a miña cidade’), cambio climático (‘A Coruña contra o Cambio Climático’), mobilidade (‘Movemento sustentable’), respecto animal (‘A outra veciñanza’).

A celebración de días sinalados importantes para o Medio Ambiente, como o propio Día da Educación Ambiental, o Día do Medio Ambiente, ou a xa tradicional Hora do Planeta (en colaboración coa ONG WWF/Adena) contarán cun oco destacado na axenda municipal de eventos. Haberá eventos o Día Mundial dos Humidais (2 de febreiro), o Día Internacional dos Bosques ( 21 de marzo), a Hora do Planeta (30 de marzo), o Día Mundial da Biodiversidade (22 de mayo), o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), o Día Internacional da Conservación do Solo (3 de xullo), a Semana Europea da Mobilidade (22 de setembro) e o Día Mundial das Aves (a primeira fin de semana de outubro).