Impulsan a declaración da Coruña como “Cidade 30”

Cedida.

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, Juan Díaz Villoslada, presidiu este mércores en María Pita a constitución oficial da Mesa Pola Mobilidade Sostible, que pretende ser un foro estable de traballo para analizar as propostas que nesta materia presenten os distintos axentes vinculados á mobilidade, tal e como se fai nas principais cidades europeas.

A declaración da Coruña como “Cidade 30” será unha das primeirias medidas que impulsará a Mesa. A limitación xeral de velocidade na circulación será de 30 quilómetros por hora e nas vías con plataformas únicas reducirase a 20 e incluso a 10 quilómetros por hora. A medida, explicaron, terá validez en todo o conxunto urbano agás nas vías que teñan dobre carril. Deste xeito, se reducirán os accidentes. Ademáis, xunto con outras medidas, servirá para que os peóns e as peoas gañen protagonismo e poderanse mellorar os espazos urbanos. Neste sentido, A Coruña tamén se incorporará á Rede de Cidades que Camiñan.

Tamén se deu o visto e prace á adhesión á Declaración da Coruña por unha mobilidade máis sostible aprobada pola Corporación no pasado pleno do 3 de outubro. O obxectivo fundamental da Declaración é a implicación de todos os axentes e sectores, públicos e privados, da cidade en favor dunha política de mobilidade sostible coordinada cun modelo de crecemento urbano que aposte por unha maior cohesión social.