Impulsan unha formación sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne

A acción formativa estará organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e ten previsto desenvolverse dende o vindeiro luns día 30 de agosto ata o 3 de setembro nunha das aulas do antigo instituto da Fonsagrada.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A acción formativa contará cunha duración de 25 horas lectivas entre sesións teóricas e prácticas. En concreto, na parte teórica analizarase a situación actual do sector, as razas de vacún de carne, a alimentación destes animais e a súa reprodución, así como conceptos básicos arredor da comercialización, da sanidade e do manexo ou sobre a implantación e fertilización de prados, entre outros. Pola outra banda, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos. Deste xeito, o obxectivo do curso é incrementar o nivel de profesionalización do sector de vacún de carne galego.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico tranferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 546 689 para máis información.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha