A compostaxe comunitaria é aquela xestión dos residuos orgánicos domésticos, producidos nos fogares, restaurantes ou servizos de restauración colectiva, tratados nunha instalación común —creada para o efecto—, coa que se pretende acadar un recurso para empregalo como fertilizante ou substrato de cultivo. Galicia contará cunha norma propia que regule e ofreza as máximas garantías a todas aquelas iniciativas de compostaxe comunitaria que se desenvolvan na Comunidade. Con esta normativa específica a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quere reforzar a confianza e seguridade xurídica nas posibilidades que ofrece esta actividade, para impulsar a súa implantación mediante a difusión das súas características, requirimentos e potencialidades.
O decreto recollerá as condicións técnicas das instalacións e actividades de compostaxe comunitaria que, co fin de promover a súa práctica, contribúan a lograr un elevado nivel de protección ambiental e cuxo resultado responda a uns estándares de alta calidade. Tamén determinará aqueles casos de compostaxe comunitaria que só deberán someterse ao réxime de comunicación —por cumprir os condicionantes ou previsións contidas na nova norma e en base as súas características e mínimas afeccións ao ambiente—, e que se diferenzan doutras actividades consideradas de tratamento de residuos e, polo tanto, sometidas a autorización.