Impulso á finalización dos traballos de urbanización en Someso


A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou inicialmente unha modificación do proxecto de urbanización do sector 7 do recinto feiral, en Someso, que permitirá finalizar a construción de espazos públicos nese ámbito e continuar coas licencias de obra en curso. O proxecto, que foi presentado pola Xunta de Compensación deste sector, someterase a exposición pública durante un mes. Ademais, o concello notificará os cambios ás persoas afectadas e solicitará as autorizacións e informes correspondentes.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “con este primeiro paso no ámbito de Someso desbloqueamos a urbanización do desenvolvemento que dotará de espazos libres e mellorará a calidade do espazo público do barrio despois de anos de parálise”.