A Xunta está a traballar na inclusión dun total de 400 espazos naturais no Inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro de carácter público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes na Comunidade e que, polo tanto, constituirá unha base fundamental para a súa xestión.
Así o avanzou en Porto do Son a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou en compañía do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do rexedor municipal, José Luis Oújo, a lagoa de San Pedro de Muro, unha das zonas húmidas que se incorporarán ao referido inventario.
Cómpre lembrar que a finalidade do rexistro é protexer e destacar o importante papel que xogan estes espazos desde o punto de vista do coidado e da protección da biodiversidade. Actualmente, as zonas húmidas son espazos naturais escasos e delicados, que proporcionan un gran número de recursos e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural.
Neste sentido, a responsable autonómica explicou que as 400 zonas a inventariar no conxunto de Galicia suman máis de 43.000 hectáreas de superficie e destacou sobre todo o peso que teñen na provincia da Coruña, que alberga 216 destes humidais e destaca por ser especialmente rica neste tipo de ecosistemas.