Impulso á transformación dixital de máis de 600 pemes

Foto.- Ana Varela.

A Xunta vén de conceder apoios por oito millóns de euros a través de tres liñas de axudas destinadas a impulsar á transformación dixital do tecido produtivo galego e o avance na implantación da fábrica intelixente e conectada, programas que teñen como obxectivo que as pemes e as agrupacións empresariais galegas poñan en marcha proxectos individuais e colectivos que melloren a súa competitividade contribuíndo así a facer fronte ao actual contexto económico provocado pola pandemia da covid-19. Prevese que destes apoios se beneficien máis de 600 pequenas e medianas empresas.

A través do primeiro dos programas –as axudas á dixitalización–, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través do Igape– destina 3,7 millóns de euros para que 224 pemes e establecementos comerciais realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización total de investimentos de 11,5 millóns. Cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), os apoios desta convocatoria cubrirán unha media do 32% dos gastos realizados polas empresas e comercios beneficiarios.

Entre as iniciativas impulsadas nesta convocatoria destacan a implementación de procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa posta en marcha, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual. Impúlsase así a interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade e a dixitalización dos seus procesos produtivos.