No prazo de dous meses a Mancomunidade Arousa Norte e a Deputación da Coruña presentará as primeiras accións do proxecto Idade de Ferro que ten como obxectivo contribuír á promoción turística e poñer en valor os recursos arqueolóxicos dun territorio especialmente rico en patrimonio.
Foi un dos acordos tomados na xuntanza que este martes reuniu na sede da Deputación da Coruña ao seu vicepresidente, Xosé Regueira xunto cos alcaldes dos concellos que participan no proxecto, o de Ribeira, Manuel Ruíz, tamén presidente da Mancomunidade, o de Rianxo, Adolfo Muíño, o da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro e o de Boiro, José Ramón Romero.
No marco da xuntanza puxéronse sobre a mesa outras iniciativas de carácter cultural que teñen como obxectivo a dinamización da comarca a través de festivais e proxectos de difusión nos que colaborarían conxuntamente os concellos e a Deputación da Coruña e que se darán a coñecer proximamente.