Impulso de ata 20.000 euros para sufragar o alugueiro dos locais de ocio nocturno


A Xunta impulsará axudas directas de ata 20.000 euros para sufragar os gastos de alugueiro dos locais de ocio nocturno obrigados a pechar como consecuencia das restricións sanitarias pola covid-19. As axudas, dotadas cun orzamento de 2,2 millóns de euros inclúense no Plan de Reactivación do sector que tamén conta con apoio para a celebración de concertos e o mantemento do emprego nestes locais.

Así llo trasladou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aos representantes do sector nun encontro por videoconferencia. Á reunión tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a directora de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Coadonga Toca, e representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

As axudas, habilitadas a través da Vicepresidencia Primeira para contribuír a sufragar os custos do alugueiro, van dirixidas aos negocios que desde o pasado 15 de agosto permanecen pechados –agás as terrazas- tras a decisión adoptada para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, co obxectivo de conter o virus. Trátase das discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares destes establecementos que teñan contrato de alugueiro en vigor desde xaneiro de 2020 e que deberán estar vixentes durante un ano desde que se permita a reapertura do sector, co compromiso de manter a actividade durante ese período. De feito, terán que acreditar ambos conceptos ao formalizar a solicitude mediante a presentación dunha declaración responsable.

A contía das axudas variará con distintos tramos en función do importe mensual do alugueiro. Deste xeito, as axudas poderán acadar ata 20.000 euros como máximo por solicitude no tramo máis elevado.