Impulso para reactivar o turismo rural arredor das rutas xacobeas


Co obxectivo de crear novos paquetes turísticos e mellorar a comercialización da oferta do turismo rural no marco da celebración deste Xacobeo 21-22, Turismo de Galicia e a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) promoveron este mes catro viaxes de familiarización e workshops que rematan esta semana e nos que participaron preto de 60 turoperadores e máis de 30 casas de turismo rural.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde en Muxía xunto co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, nun destes últimos encontros de traballo, que rematan este venres. Nava Castro destacou a necesidade de promover este tipo de iniciativas público-privadas para “explorar novos públicos e novos territorios e favorecer sinerxías entre ambos segmentos, turoperación e turismo rural, co Camiño de Santiago como elemento vertebrador”.

A iniciativa permitiu aos axentes de viaxes facer diferentes tramos de catro dos itinerarios do Camiño de Santiago así como coñecer os principais recursos turísticos de máis dunha ducia de concellos situados arredor destes itinerarios. De feito, as rutas xacobeas foron o piar sobre o que se crearon estas viaxes de familiarización, que se están a desenvolver arredor dos Camiños de Inverno, Camiño Mozárabe- Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía.