O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló imputou a Repsol e Caixabank como persoas xurídicas polos delitos de suborno e revelación de segredos pola súa presunta participación na contratación do comisario Villarejo para levar a cabo unha investigación sobre o presidente de Sacyr, Luís del Rivero e a súa contorna. O maxistrado require a Repsol SA e a Caixabank SA para que designen un representante, así como avogado e procurador para levar a cabo a comparecencia na que se informará aos representantes das dúas compañías dos feitos que se lles atribúen no marco da investigación da chamada Operación Tándem.
O maxistrado atende a petición formulada pola Fiscalía Anticorrupción, e cita como investigadas a ambas as compañías, que declararán o próximo 26 de xullo ás 10:00 horas por presuntos delitos de suborno e revelación de segredos. Esta peza separada do caso Tándem refírese ao coñecido como ‘proxecto Wine’ desenvolvido entre 2011 e 2012, sobre a presunta espionaxe encargada a Cenyt, empresa vinculada a Villarejo, para investigar ao expresidente de Sacyr pola súa relación con Petróleos Mexicanos (Pemex) para facerse co control de Repsol.