Inaugura en Culleredo o único centro de día especializado en DCA da área sanitaria da Coruña

Cedida.

Adaceco inaugurou este martes o único centro de día especializado en dano cerebral adquirido (DCA) da área sanitaria da Coruña. O acto contou coa presenza, entre outros, da presidenta da entidade, Carmen Fernández, a tenente alcalde de Culleredo, Lupe Pombo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

O centro, situado na rúa Irmáns Suárez Ferrín do concello de Culleredo, conta con case 300 m2 e capacidade para 30 persoas. Ofrece unha atención integral e especializada para persoas con dano cerebral adquirido que combina e integra múltiples disciplinas para ofrecer un tratamento rehabilitador (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, neuropsicoloxía, etc.) en modalidade de estancia diúrna. Ademais conta cun servizo de comedor para as persoas usuarias que o soliciten.