Inaugurada a 40ª Feira do Libro de Santiago

O conselleiro de Cultura e o alcalde de Santiago, acudiron á inauguración.

A 40ª Feira do Libro de Santiago, que se poderá visitar no Paseo Central da Alameda, inclúe a asistencia de máis de 60 autores para asinar exemplares. Concretamente, participarán na cita profesionais como Arantza Portabales, que hoxe exerceu como pregoeira; Estefanía Padullés, Yolanda Castaño, Luz Darriba, Antón Reixa, Manuel Gago ou Suso Bahamonde, entre outros.

A programación deseñada pola Federación de Libreiros de Galicia co apoio da Xunta tamén contempla a participación de seis librarías: Libraría Pedreira, Libraría Cortizas, Libraría Aenea, Libraría A Gata Tola, Lorca Libros e Libraría Ler. Ademais, todos os asistentes contarán cun 10% de desconto nas súas compras.

A de Santiago é a segunda cita do circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 que, tras o seu paso por Compostela continuará en O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última das citas terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.