O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu o impulso colectivo do grupo e a revista Nós na inauguración da exposición que conmemora o seu centenario no Museo do Pobo Galego, promovida pola Federación de Asociacións Culturais, Galiza Cultura.
Gústanos ese Nós de tan poucas letras mais tanto significado, de longa historia e moito futuro, desa forza colectiva que constrúe proxectos para un país, que crea conciencia nacional e confía en nós mesmos, en nós mesmas, con enerxía e entusiasmo», dixo o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira que interveu na inauguración xunto coa presidenta de Galiza Cultura, Pilar García Negro, o comisario da mostra, Carlos Bernárdez e o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar.
A exposición «Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia» conmemora o nacemento da revista Nós, un proxecto de especial relevancia na historia cultural galega que, segundo Regueira, significa «o exemplo material desa vontade que, como di o propio lema desta exposición :»ser diferente é ser existente» e porque nas súas páxinas transita, unha a unha ese orgullo de nós que tanto precisamos ,da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa arte». Aproveitou tamén para transmitir o compromiso da Deputación da Coruña por apoiar a cultura de base cun apoio real e efectivo con todas as entidades que, de maneira desinteresada, traballan cada día para que a nosa cultura sexa forte e animar a súa creación e difusión.