A Deputación da Coruña inaugurou este domingo o tramo de Cerceda-Oroso da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, a primeira Vía Verde da provincia e a de maior lonxitude de Galicia, que se estenderá proximamente ata Santiago de Compostela. O acto, que se completou cunha andaina e marcha cicloturista popular para dar a coñecer esta nova infraestrutura que discorre sobre o antigo trazado do ferrocarril entre Santiago e Cerceda, estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o alcalde de Oroso, Luis Rey; a concelleira de Medio Ambiente do Concello de Santiago, Mila Castro, un dos impulsores do proxecto, Manuel Mirás; e os deputados Antonio Leira, Cristina Capelán e Xurxo Couto.
A pesar da chuvia, máis de 600 as persoas de todas as idades que participaron, de xeito totalmente gratuíto, na andaina e marcha cicloturista popular organizada para inaugurar o tramo que vai de Cerceda a Oroso da Vía Verde. A andaina saíu da estación de Queixas-Londoño, en Cerceda, e finalizou na estación de Sigüeiro, en Oroso, cun percorrido total de 24 quilómetros e pasando pola estación A Pontraga de Ordes e a Estación de Trasmonte en Oroso. As persoas participantes contaron con avituallamentos durante todo o traxecto e habilitouse un servizo de bus desde os diferentes municipios da Vía, tanto para recoller ás persoas que non finalizaron a andaina como para levalas ao punto de saída e recollelas na chegada para levalas ao seu lugar de orixe.