Inaugurada a mostra ‘Facer Camiño’ no MACCMO de Corme, Ponteceso

Concello de Ponteceso

  • Esta exposición sobre o Camiño de Santiago poderá visitarse durante un mes

Este venres o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte-MACCMO de Corme acolleu a presentación da exposición artística ‘Facer Camiño’. O evento arrancou ás 18:00 horas coa participación do alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido; a presidenta da Fundación Torre-Pujales, Cristina Torre Cervigón; e Xurxo Lobato, membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

Durante a inauguración Cristina Torre Cervigón manifestou a «ledicia» da Fundación Torre-Pujales por acoller este proxecto, sinalando que o MACCMO «sempre estará disposto a colaborar cos grandes proxectos culturais».

Pola súa parte, o dirixente pontecesán agradeceu á Xunta de Galicia, á Consellería de Cultura e á Real Academia Galega de Belas Artes que contasen co MACCMO como unha das localizacións nas que expoñer as obras dos académicos. «Calquera evento cultural
que se faga aquí colle un realce enorme porque o propio continente xa é unha obra de arte», afirmou.

A mostra, que poderá visitarse durante un mes, está composta por 23 pezas de diferentes artistas e académicos galegos en relación ao Camiño de Santiago. Fotografía, pintura ou escultura son as ramas que destacan nesta exposición que chega ao concello de Ponteceso tras percorrer durante o 2020 as sete grandes cidades galegas e outras vilas como Cee, Tui e Mondoñedo.