A Asociación de Empresarios do Polígono carballés de Bértoa ocupará a partir de agora o edificio de propiedade municipal situado na zona de acceso ao propio parque empresarial. As instalacións, reformadas para adaptarse á súa nova función, son de uso gratuíto para as empresas, e inclúen oficinas para o persoal da comunidade de propietarios, dúas salas de xuntas para reunións de ata 12 persoas e un espazo máis amplo, denominado Sala Alfredo Brañas, con capacidade para 25 persoas.
“Esta inauguración non deixa de ser unha metáfora do cambio experimentado por este polígono, que é o máis dinámico de Galicia”, sinalou Juan Fernández, vicepresidente da entidade.
Ao acto de inauguración asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, e o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, entre outros convidados.
Entre as demandas focalizadas polos asistentes está a dixitalización, a ampliación do polígono e a circunvalación. Necesidades coas que coincidiu o alcalde, Evencio Ferrero, quen destacou a importancia do eixo industrial Carballo-A Laracha-Arteixo e de que as empresas dispoñan do solo e das infraestruturas precisas “para seguir apostando por este territorio”.
