Inaugurada en Dodro unha rúa na memoria de Moncho Reboiras


O concello de Dodro aprobou a iniciativa no pleno celebrado no mes de xuño para “recoñecer e lembrar un veciño perseguido e asasinado polo franquismo polas súas ideas políticas”. Na homenaxe celebrada este venres colocáronse tres placas, unha delas na vivenda onde foi velado o corpo de Moncho Reboiras en agosto de 1975. Durante a lembranza interviron o irmán do homenaxeado, Manolo Reboiras; o alcalde da localidade, Xavier Castro, e o promotor da iniciativa e tenente de alcalde, Xoán Bautista Mariño. No acto tamén estivo presente o responsable de Patrimonio e contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas. Penas salientou “o exercicio de democracia, de lembranza e de recuperación que dá continuidade ao recoñecemento, polo Consello de Ministros en 2009, de Moncho Reboiras como vítima do franquismo”.