Inaugurada en Outes ‘Arte da mar’ | Creacións elaboradas con refugallos mariños


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración da exposición ‘Arte da mar’, composta por creacións elaboradas a partir de refugallos recollidos no litoral, unha importante labor desenvolvida polo sector pesqueiro e marisqueiro galego na loita contra o lixo mariño. Cabe destacar o traballo realizado pola confraría de pescadores de Noia, promotora dos proxectos Econoia I -desenvolvido entre 2020 e 2021- e Econoia II -para este ano e o próximo- que contaron cunha axuda pública de preto de 400.000 euros para compensar distintas accións de loita contra o lixo mariño entre as que se encontran xornadas de recollida activa de residuos nas que participan arredor de 200 profesionais do marisqueo a pé.

A exposición Arte da mar está incluída no proxecto Econoia II da confraría de pescadores de Noia e está promovida polas entidades Mar de Fábula, Alivavá e Mar de Noia. Esta mostra está composta por diferentes creacións realizadas a partir dos materiais atopados nos bancos marisqueiros durante as xornadas de recollida de lixo mariño de Econoia I e pensadas para concienciar á cidadanía sobre o dano que pode xerar o lixo no medio mariño.

Esta exposición chega ao Concello de Outes tras pasar por Noia e é unha pequena mostra do importante traballo de limpeza realizado a través do proxecto Econoia I, no que participaron preto de 200 profesionais mediante a recollida de preto de 45 toneladas de residuos de distintos tipos.