Inaugurada unha expo sobre Labarta Pose no Paseo Fluvial de Baio


A iniciativa, organizada polo Concello de Zas e a Comisión Labarta, enmárcase nas accións que o Concello de Zas e a comisión que coordina as entidades asociativas do concello promoven para demandar o Día das Letras Galegas para o escritor.

No acto participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o presidente da Comisión, Jorge Mira.

Regueira parabenizou ao concello e á comisión por poñer sempre en primeiro plano a figura de Labarta, “un dos epígonos, que ademais foi un escritor moi popular e recoñecido no seu tempo, ten a singularidade de que un retrato seu foi a primeira fotografía publicada na prensa galega”. Lembrou tamén que o Casimiro Barcala da Casa de la Troya está inspirado na súa figura, que tamén foi Troiano, e sumouse á defensa do seu merecemento para un Día das Letras.

O acto coincidiu co 158 aniversario do nacemento dun autor que, segudno Jorge Mira, “é o gran candidato da Costa da Morte ás Letras Galegas”.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño agradeceu a colaboración institucional e das persoas que participaron na organización dunha exposición que estará instalada no Paseo Fluvial de Baio até o 31 de agosto.