Inaugurada unha formación para os promotores das Casas do Maior


O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, inaugurou este venres no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) o curso de formación para promotores de casas do maior.

Ó redor dunhas 40 persoas participan neste programa formativo integral que procura que os encargados desenvolvan este servizo de proximidade ás persoas maiores con todas as garantías. A iniciativa contará con tres módulos de contido e durará tres xornadas. Hoxe celebrouse a primeira delas.

En Galicia hai actualmente máis dun centenar de casas do maior, pequenos centros que atenden, sen custo algún para os usuarios, a un máximo de cinco persoas maiores de 60 anos ata oito horas diarias de luns a venres. Ademais, ofrecen flexibilidade horaria e coidados profesionais, xa que os seus responsables teñen formación ou experiencia profesional específica.

O Goberno galego achega aos promotores de cada casa do maior un máximo de 15.000 euros para adecuar as instalacións e outros 19.600 euros ao ano para o seu funcionamento. Así mesmo, para facilitar a súa xestión, contémplanse anticipos das axudas. Estes son do 80% no caso da partida económica para a adecuación da infraestrutura, e no caso das subvencións para o seu funcionamento diario, poderá adiantarse ata o 100% durante o primeiro ano e ata o 75% durante os dous seguintes.