Inaugurada unha nova senda peonil e ciclista entre Carral e Tabeaio

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inaugurou a nova senda peonil e ciclista que une Carral con Tabeaio_ Cedida.

A actuación é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Carral, polo que a Xunta financiou integramente a actuación e o Concello asumiu o compromiso de licitar e executar as obras.
Trenor destacou a importancia desta obra porque é unha actuación encamiñada a favorecer a mobilidade, reforzar a seguridade viaria e a mellorar a calidade de vida dos veciños.

Actuouse nun treito da estrada nacional moi concorrido, que une os dous núcleos poboacionais principais do municipio co polígono industrial dos Capelos.
Máis concretamente, habilitouse unha senda con espazo diferenciado para peóns e ciclistas á altura do polígono dos Capelos, entre os puntos quilométricos 15+150 e 16+800 pola marxe dereita da estrada N-550, desde o punto no que finalizan as beirarrúas de Tabeaio ata a entrada a Carral.

A lonxitude total do itinerario supera os 1,6 quilómetros lineais e conta cun ancho de 3,5 metros. Tamén foi necesario ampliar a obra de paso que salva o río Brexa.