Inauguradas as Xornadas Gastronómicas de Corcubión, con representantes institucionais e un público entregado

1 minutes read

As Xornadas Gastronómicas dá Confraría de Pescadores de Corcubión arrincaron este venres na lonxa e o porto da localidade cunha xornada inaugural marcada pola presenza institucional e unha gran afluencia de público.


A actividade inaugural das xornadas foi un showcooking a cargo do cociñeiro Diego Novas. Celebrado ás 19:00h no interior da lonxa, contou coa presenza da deputada no Congreso e ex conselleira do Mar, Rosa Quintana; a deputada no Parlamento de Galicia e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado do Río, a deputada de Industria e Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García e o alcalde de Corcubión, Francisco Javier Domínguez Traba, entre outras autoridades.


Nunha lonxa co aforo completo, Novas presentou aos asistentes as súas dúas propostas con produtos da confraría: unha “torrada de millo de polbo estilo mexicano, con crema de cebola e miso branco” e un “aguachile de longueirón con pementos de Herbón en diferentes formas”.


Na carpa gastronómica, na que desde antes da súa apertura xa se formaron longas colas, viviuse a primeira xornada de festa gastronómica. Os asistentes puideron degustar polbo nas súas catro elaboracións (á feira, á brasa, en croquetas e en empanada), ademais de longueirón á prancha e empanada de millo de sardiña.


As actividades continúan mañá sábado, cunha programación que inclúe unha charla sobre o polbo e a súa importancia para a confraría, dous talleres infantís de ciencia mariña e o segundo showcooking das xornadas, a cargo de Miguel Mosteiro. Para este evento, que xa ten as prazas completas, espera a asistencia da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez.


As xornadas pecharanse o domingo cun último showcooking, tamén completo, a cargo do finalista do certame Talentos by Abril, Michael Pacheco, e coa carpa gastronómica aberta de 13:00h a 17:00h.