Inaugurado en Coristanco o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego Costa da Morte


A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou este venres o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Costa da Morte que, situado en Coristanco, prestará servizo a persoas emprendedoras de 29 concellos das comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas. Este é o terceiro Polo que activa a Xunta de Galicia, dun total de 12 que espera ter en marcha entre este ano e 2023. De momento, estos Polos desenvolven 55 proxectos empresariais e prestan asesoramento a 63 persoas.

Trátase dunha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial, para que sexan quen de emprender en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios medren e se consoliden no tempo.

Intervención da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Entre os primeiros proxectos destacan as apostas nos sectores do turismo e o ocio, a alimentación, os servizos profesionais, o agro ou a fabricación de bens de consumo.

“Isto é só co comezo” indicou a conselleira, Lorenzana anunciou que antes de rematar 2022 porase en marcha un segundo Polo na provincia da Coruña, concretamente na zona de Ferrolterra, e tamén o primeiro de Lugo, que estará situado en Monforte.

Os Polos constitúen unha das principais actuacións da estratexia de emprego de Galicia Xempre Contigo, que avoga por avanzar na consecución dun mercado laboral mellor, máis preparado e interconectado, no que o emprendemento no territorio resulta clave polos beneficios que reporta na poboación e nas contornas, dixo a conselleira.