Inaugurado -en liña- o V Congreso Nacional de Mulleres Adictas

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Azucena Martí Palacios, e a concelleira de Benestar Social das Pontes, Tania Pardo Cabarcos inauguraron o V Congreso Nacional de Mulleres Adictas, organizado pola Confederación de Alchólicos, Adictos en Rehabilitación e Familiares de España (Caarfe) coa colaboración da Deputación da Coruña.

Aínda que estaba previsto que o congreso reunira nas Pontes a máis de 400 participantes de toda España, a organización decidiu realizalo en liña debido ao coronavirus, garantindo así a saúde e seguridade das participantes.

«Esperamos poder acoller o congreso nas Pontes o vindeiro ano. Será un honor vernos en Galicia, como estaba previsto», afirmou González Formoso, que felicitou a Caarfe polo «gran traballo que realizades, ás veces pouco recoñecido ou pouco visible, pero fundamental para moitas persoas, como tiven oportunidade de comprobar directamente no meu pobo».

O presidente provincial destacou o apoio da Deputación a distintos programas e entidades da área de Benestar Social que contribúen a previr e loitar contra o alcoholismo e as adiccións, dirixidos especialmente a público adolescente.

Pola súa banda, o presidente e a vicepresidenta de Caarfe, Ángel Jiménez e Pilar Leal, agradeceron o apoio e implicación da Deputación e o Concello das Pontes para a celebración do simposio.