A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a inauguración do Ecomuseo do Pan do Xurés, na parroquia de Puxedo do concello ourensán de Lobios. O proxecto, que foi financiado por Agader no marco do programa Leader para a implementación de ferramentas tecnolóxicas cunha dotación de 30.000 euros, foi tamén galardoado co Premio Agader 2020 na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural. O proxecto nace co fin de recuperar e poñer en valor o ciclo tradicional do pan do Xurés mediante a creación dun ecomuseo e o emprego das novas tecnoloxías. Esta nova concepción pretende ser un centro museístico ao aire libre no que interactúan os elementos do patrimonio cultural, o territorio no que se asentan e a poboación local.