Inaugurado na Coruña o Congreso de Inxeniería Naval e Industria Marítima


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inaugurou o Congreso de Inxeniería Naval e Industria Marítima que se celebra na cidade da Coruña do 20 ao 22 do outubro baixo o lema “A Revolución Dixital e Industrial. Galicia, faro de innovación”.
Na súa intervención destacou que “no Goberno galego temos a firme convicción de que o futuro do sector naval pasa por avanzar cara á industria 4.0. Entendemos que é o único percorrido posible para unha industria cuxo peso específico atreveríame a cualificar de vital para Galicia”.

Trenor apuntou que “a Xunta de Galicia envorca os seus esforzos no apoio ao sector como referente da I+D+i ligada ao naval. Esta decisión estratéxica tradúcese nos 4,6 millóns de euros que o Goberno galego leva investidos estes últimos anos a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e que permiten mobilizar finalmente máis de 17 millóns de euros.

Ademais, referiuse aos fondos Next Generation como chave para transformar a cadea de valor desta industria estratéxica e reclamou a instrumentación deste apoio a través dun PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación), que permitiría optimizar estas axudas.