Inaugurado na Pobra o parque infantil da Lombiña, renovado a través do Plan Único

1 minutes read

A deputada de Educación, Sandra González, asistiu á inauguración do parque da Lombiña, no concello da Pobra do Caramiñal. As actuacións de renovación que acaban de finalizar permitiron acondicionar a zona de xogos e o pavimento do espazo a través dun orzamento de 48.060 euros financiado polo Plan Único provincial.

Ao encontro acudiron tamén o alcalde do municipio, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos. «É unha gran satisfacción ver os resultados deste proxecto, moi necesario e demandado pola veciñanza da Pobra, que agora conta cun novo espazo de convivencia e lecer para a rapazada», expresou a deputada Sandra González.

Os traballos de rehabilitación do parque infantil permitiron instalar un novo pavimento de lousa de formigón, sobre o que se colocaron capas de caucho para configurar diferentes áreas de seguridade de cada un dos xogos.

Do mesmo xeito, dispuxéronse dous balancíns de resorte, un tobogán para idades reducidas, un balancín dobre de cabaliños, unha randeeira de dous asentos e unha de cesta, un xogo combinado, catro bancos de madeira e estrutura de fundición e tres papeleiras. O conxunto quedou ademais cercado de forma perimetral cun valado de madeira de piñeiro.