Inaugurado o Centro Memorial das vítimas do terrorismo

O terrorismo deixou unha pegada profunda na historia recente de España. Para que non se esquenza e para sensibilizar ás novas xeracións naceu en Vitoria o Centro Memorial das vítimas do Terrorismo, inaugurado este martes polos reis e o presidente do Goberno Pedro Sánchez, entre outras personalidades. O centro está nun edificio que acollía o Banco de España e que, segundo dixo Felipe VI, agora converteuse nun «banco da memoria».

O memorial dedica unha parte importante a ETA. Recóllense numerosos testemuños e rememóranse algúns dos máis de 800 asasinatos cometidos pola organización terrorista. Unha das pezas máis impactantes é a reprodución a tamaño real do zulo no que ETA mantivo secuestrado durante 532 días ao funcionario de prisións Ortega Lara. Está recreado tal cal era, con todos os seus aveños.

Pero o terrorismo en España, como mostra o memorial, é tamén o dos GAL, os Grapo e tamén o dos atentados yihadistas do 11-M en Madrid ou o das Ramblas de Barcelona. A exposición tamén conta a historia de Ignacio Echeverría, o heroe do monopatín, que perdeu a vida en 2017 cando tentaba salvar a unha muller durante un atentado na ponte de Londres.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha