O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou este sábado na inauguración do Centro Cívico Socio-Cultural das Somozas, onde salientou o apoio da Xunta ás administracións locais na dotación de equipamentos que contribúan á dinamización social e cultural. A nova infraestrutura supuxo un investimento de 140.000 euros. Na súa intervención, Diego Calvo incidiu na importancia deste tipo de instalacións nos concellos de menor poboación, a prol do desenvolvemento de actividades de lecer e culturais que poidan ser compartidas por toda a veciñanza. Nesta liña, referiuse á especial atención que lle presta o Goberno galego ás necesidades dos concellos “para garantirlle á cidadanía uns servizos de proximidade nas mellores condicións”.
31