Inaugurado o novo Demostrador Tecnolóxico do Centro de Investigación da UDC

1 minutes read

O conselleiro Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, na inauguración da nova sala do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), cofinanciada pola Xunta. O titular de Universidades do Goberno galego sinalou o CITIC como “un referente no eido da I+D+i aplicada ás TIC” e destacou a importancia deste novo espazo para a Intelixencia Artificial en Galicia.

Román Rodríguez subliñou que Galicia conta “cun sistema investigador de primeiro nivel, punteiro e recoñecido no panorama nacional e internacional, con espazos coma o CITIC, un dos oito centros acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia”. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación. “Galicia é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora universitaria, con convocatorias para as etapas predoutral e posdoutoral, así como cun programa de retención de talento”, afirmou.

Un potente programa de formación e retención de persoal investigador que absorbe un orzamento de 40M€ e inclúe os contratos predoutorais e posdoutorais, o novo Programa de Atracción e Retención de Talento e a liña de apoio aos Centros de Investigación acreditados. “De feito, neste CITIC inxectamos preto de 3M€ entre 2020 e 2022 para blindar o financiamento das súas principais liñas de investigación”, explicou o conselleiro.