Inaugurado o paseo Pepe Mujica, en Oleiros

2 minutes read

O acto, celebrado no parque do Paraíso, en Perillo, contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; do embaixador de Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo; e da senadora uruguaia Blanca Rodríguez González, ademáis da compañeira de Mujica, Lucía Topolansky, que interveu por videoconferencia.

Nun espazo recuperado para o desfrute da cidadanía, Formoso evocou a humildade, a coherencia e a vocación de servizo do expresidente uruguaio: «Por enriba dos intereses partidistas ou das ambicións políticas, o importante é buscar o ben común».

O presidente provincial lembrou unha frase de Mujica que, ao seu xuízo, resume a esencia do servizo público: «La política es la lucha por la felicidad de todos». Vinculouna co artigo 13 da Constitución de Cádiz de 1812, que establecía que «El objeto del Gobierno es la felicidad de la Nación». «Dous séculos de distancia e unha mesma idea: que a política debe servir para mellorar a vida das persoas», sinalou.

A homenaxe a Mujica serviu tamén para reivindicar os vínculos que unen Galicia con Uruguai e Arxentina. Formoso lembrou as xeracións de emigrantes galegos que cruzaron o Atlántico buscando un futuro mellor e contribuíron ao progreso dos países de acollida sen esquecer as súas raíces.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, gabou tamén a traxectoria humana e política de Pepe Mujica, destacando a súa loita revolucionaria, os 14 de anos de prisión e tortura que sufriu e a súa capacidade posterior de perdón. «O nome de Pepe Mujica é o mellor nome posible acorde a este magnífico espazo público»; afirmou.

García Seoane destacou tamén os «lazos de irmandade» que unen a Galicia con Uruguai, marcados pola emigración galega e por figuras de ascendencia local que alcanzaron gran relevancia na historia uruguaia, como Claudio Wiliiam, fillo dun emigrante de Maianca, que chegou a ser presidente do país entre 1907 e 1911, ou Fernando Lugrís, un dos principais diplomáticos do país.

O acto incluíu a proxección dunha intervención de Lucía Topolansky e dun vídeo con testemuños de Pepe Mujica, así como a interpretación do tema «Don José» polo cantautor Walter César. A descuberta dunha placa conmemorativa ao son do himno de Uruguai e a interpretación do himno galego pola Banda de Música de Oleiros pecharon a homenaxe.