A incoación conta cos informes favorables das tres institucións consultadas na tramitación: o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade da Coruña. O último deles foi achegado na primeira semana de maio. A Xunta axiliza así ao máximo esta declaración tras ser solicitado en novembro polo Concello da Coruña.
Esta incoación do expediente supón aplicar de forma inmediata e provisoria -ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos seguindo a lexislación- a protección integral a todo o edificio situado na rúa Damas número 25 da cidade da Coruña e aplicalo tamén de forma cautelar e preventiva ás partes integrantes e pertenzas ata que se teña acceso ao seu interior e se poda completar a súa valoración.
Como se indica no expediente, a documentación elaborada para o estudo do valor cultural do interior non puido completarse cunha información recente, pero realizouse a partir da información, documentación, fotografías e hemeroteca que se incorpora e analiza no estudo promovido polo Concello da Coruña. En virtude da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o expediente especifica que todos estes elementos tamén quedan provisionalmente protexidos á espera de poder acceder ao interior e completar ou reducir esa protección.
Á hora de valorar como Ben de Interese Cultural a Casa Cornide considérase como un monumento de carácter sobranceiro e exemplo da arquitectura residencial da época da Ilustración en Galicia, que ademais está relacionado coa residencia dunha das máis destacadas personalidades en Galicia e en España do Século das Luces, o polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra. Tamén se ten en conta que ocupa un lugar de relevancia e moi significativo da Cidade Vella da Coruña, preferente e de gran significación ao presidir, coa igrexa de Santa María del Campo, o adro da Colexiata.