Son preto de 700 novas publicacións, monografías, folletos, mapas, carteis e postais dixitalizados que están xa dispoñibles para a súa consulta de balde. Inclúense desde obras de Emilia Pardo Bazán ata pezas singulares como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil española en diferentes localidades.
As obras dixitalizadas nesta ocasión proceden de orixinais conservados na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura de Galicia e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés. Ao abeiro deste traballo, por unha banda incrementouse o rango cronolóxico dalgunhas publicacións periódicas xa presentes en Galiciana. Ademais, dixitalizáronse 33 títulos que proceden do Fondo Bibliográfico Abanca, incrementándose así ata 210 as obras accesibles no micrositio dedicado a esta importante colección dispoñible en Galiciana.
Neste sentido, destaca o único exemplar coñecido da obra Estimvlo para bien obrar: el qval es vtil y prouechoso para todo buen christiano : compuesto por el Licenciado Francisco de Lara. Procede do Colexio Imperial, centro de ensino da Compañía de Xesús, establecido en Madrid a finais do século XVI. Este colexio formou a biblioteca máis importante que houbo en Madrid ata o século XVIII, con materiais de estudo, obras de consulta, de investigación, manuscritos das obras que redactaban os propios xesuítas, donativos e legados de diversos benefactores.