Incorporado O Parrote ao programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño


A zona do Parrote foi incorporada no programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante un período de avaliación de dous anos previo a súa inclusión no censo oficial de zonas de baño. Esta medida garante a calidade sanitaria das augas nesta zona seguindo uns estritos controis por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Neste senso, a Xunta a partir deste momento levará a cabo as actuacións que sexan necesarias para que se manteñan as condicións de calidade da auga adecuadas da zona de baño durante a tempada que comprende dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, así como a vixilancia dos posibles puntos de vertido existentes próximos á zona de baño para evitar a contaminación das augas de baño que podería supor un risco para a saúde dos usuarios.

A xestión da área de baño, como no resto de espazos incluídos no listado, corresponde ao Concello, que é o responsable da vixilancia e a seguridade do espazo de auga e dos usuarios. A inclusión como zona de baño só foi posible despois de que o Concello levase a cabo as tarefas de acondicionamento da zona e establecese un servizo de vixilancia e a Autoridade Portuaria emitise unha resolución oficial autorizando o baño ao ser zona portuaria. Esta inclusión estará vixente mentres o Concello manteña as medidas de seguridade neste espazo.