Incorporados 30 novos centros ao programa ‘Radio na Biblio’


A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos no programa Radio na Biblio, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Para iso, os 30 centros percibirán unha asignación de 2.000 €.

No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500€ cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.