viernes, 29 mayo , 2026

Incorporados 37 novos equipos radiocirúrxicos á sanidade pública

1 minutes read

Este novo equipamento, adquirido pola Xunta trala licitación por un importe de 4,3 millóns de euros, achega á sanidade pública galega ferramentas punteiras de diagnóstico e tratamentos coas doses máis baixas posibles, o que supón unha mellora dos procedementos cirúrxicos e unha maior seguridade para os pacientes.

Nomeadamente, o equipo instalado no HULA é un dos tres radiocirúrxicos vasculares adquiridos pola Xunta de Galicia neste lote. Cun custo superior aos 200.000 euros por unidade, estes equipos están destinados en exclusiva aos quirófanos de cirurxía vascular, permitindo a realización de técnicas complexas de cirurxía vascular como a reparación endovascular de vasos arteriais periféricos en membros inferiores, sistema carotídeo e enfermidade dexenerativa da aorta torácica e abdominal, tanto oclusiva como aneurismática. Ademais do equipamento do HULA, os outros dous radiocirúrxicos vasculares instalaranse no Hospital Universitario de Ourense e no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos teñen un custo de máis de 90.000 euros por unidade, e permitirán renovar os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Os aparellos adquiridos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración de imaxe e das doses impartidas.

Os novos equipos repártense entre as sete áreas sanitarias galegas. Así, na área lucense, destinaranse catro ao HULA, dous ao Hospital da Mariña e un ao Hospital de Monforte.
O equipamento deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.