Nos últimos 10 anos, o número de explotacións apícolas aumentou un 35% na nosa Comunidade, duplicando o número de colmeas e situándose moi por riba do incremento medio nacional. Así o destacaron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, durante a súa visita á II Feira do Mel “Alvariza”, no concello pontevedrés de Lalín.
Neste senso, cabe sinalar que Galicia é a terceira comunidade autónoma en número de explotacións (case 5.000) e a quinta en volume de mel producido (unhas 3.000 toneladas). Ademais, cabe indicar que Galicia conta cun selo propio, a indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia, cuxa zona de produción, elaboración e envasado abrangue todo o territorio da nosa Comunidade. Por iso, a Consellería do Medio Rural aposta fortemente por este sector mediante axudas específicas que se convocan anualmente.