O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nunha reunión de traballo co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, durante a cal lle informou do plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O incremento das horas asignadas para o financiamento do servizo, dirixido a persoas en situación de dependencia recoñecida, en máis dun millón de horas anuais está permitindo atender a todas as persoas que se atopan á espera da asignación efectiva do recurso.
No caso da Laracha, o delegado destacou que a Xunta aumentou en máis de 4.050 as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do Concello, ata as 45.420 horas anuais. Hoxe este municipio atende a 101 persoas a través deste servizo.
Respecto á comarca de Bergantiños-Costa da Morte, Gonzalo Trenor informou que o plan de reforzo se traduciu nun incremento de máis de 130.000 horas anuais para os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Coristanco, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas. O incremento permitiu a estes municipios pasar das 317.892 horas de que dispoñían ata o momento ás 358.368 horas coas que contan na actualidade. En total, estes 9 concellos atenden a 765 persoas e contarán con marxe para incrementar o servizo en 2021 se fose necesario.
O representante da Xunta na Coruña destacou, así mesmo, que a Consellería de Política Social vén de incrementar en 10 millóns de euros o investimento destinado ao SAF, que en 2021 ascenderá a un total de 83,6 millóns de euros. Na provincia este incremento levouse a cabo en 51 concellos, o que significa un aumento nestes municipios de preto de 685.000 horas anuais ata chegar a un total de máis de 4,3 millóns de horas ao ano e 4.133 usuarios.
| CONCELLO | HORAS ANUAIS ANTES DO INCREMENTO | INCREMENTO DE HORAS ANUAIS | HORAS ANUAIS ACTUAIS | Nº USUARIOS |
| Cabana de Bergantiños | 19.332 | 144 | 19.476 | 61 |
| Camariñas | 27.384 | 1.812 | 29.196 | 106 |
| Carballo | 73.800 | 10.992 | 84.792 | 182 |
| Cee | 24.360 | 17.376 | 41.736 | 39 |
| Coristanco | 27.048 | 564 | 27.612 | 44 |
| Laracha, A | 41.364 | 4.056 | 45.420 | 101 |
| Malpica de Bergantiños | 48.192 | 1.224 | 49.416 | 105 |
| Ponteceso | 17.472 | 1.092 | 18.564 | 34 |
| Zas | 38.940 | 3.216 | 42.156 | 93 |
| TOTAL | 317.892 | 40.476 | 358.368 | 765 |