Nin un só euro dos 13.527 millóns de presuposto da Xunta de Galicia para o 2024 irá a parar a algunha das máis que necesarias inversións públicas que leva anos esperando Laxe, afirman os nacionalistas, “Estamos ante unha situación inconcebible, por un lado pola administración autonómica e por outro lado polo inmobilismo dun goberno municipal que non deu ainda a cara para defender os intereses do seu concello e da súa veciñanza”, sinala Cristina Vázquez, concelleira do BNG.
Este grupo municipal leva traballando dende a fin de semana pasada co deputado provincial nas enmendas parciais que se levarán á tramitación parlamentaria dos orzamentos que se debatirá no mes de novembro.
Enmendas relacionadas con temas de urxencia para os veciños e veciñas de Laxe como por exemplo, o tan necesario sistema de saneamento integral das parroquias, a solución das continuas inundacións da rúa Rosalía de Castro, ou a continuación do proxecto do porto laxense. Problemas que precisan dunha solución completa e definitiva, e non continuar con arranxos parciais que non chegan a remediar esta situación perniciosa para o día a día da veciñanza.
Outras das enmendas irán enfocadas á mellora dos recursos naturais e paisaxísticos, como a dragaxe da Lagoa de Traba, ou proxectos de dinamización turística como a implantación dunha área de caravanas ou o proxecto de posta en valor dos vestixios mineiros do concello.
“A función das administracións públicas é defender os intereses dos e das cidadás, e para iso é preciso xestionar e redistribuír as inversións e orzamentos públicos. Xa van demasiados anos, nos que os gobernos do concello de Laxe, perden inversións e subvencións por permanecer nunha postura estática e sen plans de futuro. Laxe merece ter servizos do século XXI, e ter oportunidades de vida e traballo para a súa veciñanza”, defende a concelleira Vázquez.