Inditex doará a Cogami catro máquinas para a fabricación masiva de máscaras


  • Os equipos xa se atopan no Polígono da Laracha e están valorados en máis dun millón de euros.

A multinacional galega Inditex doará á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) catro máquinas para a fabricación masiva de máscaras cirúrxicas de protección fronte á COVID-19, que serán vendidas pola organización para contribuír aos seus fins sociais.

A compañía informou desta doazón en coincidencia coa presentación de resultados, e estima que as máquinas, que chegaron en xuño ás instalacións de Inditex na Laracha, comezarán a súa produción durante o inverno, unha vez se completen as obras de instalación, en colaboración con Mondragón Assembly.

A maquinaria instalarase nun emprazamento de Cogami situado no polígono industrial de Bergondo (A Coruña). Permitirá xerar ata 25 postos de traballo vinculados a esta produción. As instalacións serán «integramente acondicionadas» por Inditex para adecuarse aos requisitos establecidos pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.