Inditex investirá 238 millóns nun novo edificio en Arteixo

Oficinas Inditex Arteixo_GOOGLE MAPS

Este novo edificio terá unha superficie de 170.000 metros cadrados e será a base dos equipos comerciais e de deseño de Zara, segundo informou a compañía. Está previsto que as obras comecen en xaneiro, en cumprimento cos trámites administrativos correspondentes, e conclúan nun prazo aproximado de dous anos.

Estas novas instalacións, definidas pola sinxeleza das súas liñas, os seus amplos espazos diáfanos, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade, foron concibidas, segundo o grupo, para potenciar a dinámica de traballo horizontal entre deseñadores, patronistas e profesionais comerciais, baseada na creatividade, a colaboración aberta e a comunicación fluída.  

O novo edificio, de cinco plantas -e dúas máis de aparcamento-, dará continuidade á identidade visual das oficinas contiguas, destinadas ás operacións de zara.com.  

Cada unha das plantas dos equipos comerciais, cunhas dimensións de 230 metros de longo por 104 metros de ancho, contará con dúas grandes zonas de traballo conectadas, de 9.500 metros cadrados cada unha.