O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou este mércores o apoio da Xunta ao comité de empresa de Meirama para demandar tanto a Naturgy como ao Goberno central unha solución de futuro para a planta de Cerceda. Fíxoo durante unha nova xuntanza que mantivo cos representantes dos traballadores da central térmica.
“Necesitamos que se concreten medidas, actuacións que permitan dar unha solución industrial e xerar empregos vinculados coa industria”, aseverou Conde. Neste sentido, ratificou que a Xunta comparte co comité a mesma preocupación polos 200 empregos que están en risco.
O conselleiro explicou que Xunta e comité de empresa acordaron trasladar, en primeiro lugar a Naturgy, “que plantexe unha solución industrial”; e ao Goberno, “que concrete eses compromisos que se anunciaron por parte da ministra para a Transición Ecolóxica para dar unha solución ao peche desta central térmica”.