A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que apoiará «medidas que reduzan a presión hospitalaria» na área sanitaria da Coruña, debido á «grave situación que estamos vivindo». Rey considerou que «as recomendacións non teñen tanto efecto como as medidas de cumprimento obrigatorio» e sinalou que as actuais medidas «non están sendo suficientes» para frear esta terceira vaga de contaxios da Covid-19. «A prioridade do Concello da Coruña é a saúde pública, pero a adopción de novas medidas é unha responsabilidade da Xunta de Galicia», destacou a alcaldesa.
A rexedora apelou á responsabilidade invdividual da veciñanza e a evitar calquera tipo de interacción social estas semanas: «Se non nos queren escoitar a nós que atendan ás cifras de contaxios, de persoas ingresadas nos hospitais e de persoas nas unidades de coidados intensivos… Son números que nos deben levar a unha reflexión». Lembrou que a actual presión hospitalaria tamén está prexudicando a pacentes ingresados con outras patoloxías.